Thursday 25 de April de 2024

O Pleno dá o primeiro paso para protexer o bordo litoral da ría e iniciar a modificación do PXOM nese ámbito


A Corporación suspende a tramitación de instrumentos de planeamento e concesión de licenzas urbanísticas desde Oza á avenida da Pasaxe
O Pleno, coa abstención do PP e a ausencia das e dos concelleiros da Marea Atlántica, aprobou hoxe suspender durante un ano e de xeito cautelar a tramitación de instrumentos de planeamento e concesión de licenzas urbanísticas no ámbito entre a avenida de Oza e a Ponte da Pasaxe, co fin de modificar o plan xeral neste ámbito e así poder recuperar e protexer o bordo litoral da ría do Burgo. O ámbito de suspensión afecta a dous quilómetros de costa e a unha superficie de 384.909 m2, dos cales 254.000 corresponden a solo urbano consolidado e 130.000 son de solo urbano non consolidado.

O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, asegurou que é necesario revisar as determinacións do planeamento que xeran resultados non desexables desde o punto de vista da paisaxe litoral e do patrimonio, da rexeneración e renovación dos tecidos urbanos xa existentes, do desenvolvemento urbano sustentable e da cohesión social. O Goberno local, dixo, considera vital abordar unha nova formulación integral da cidade cara á ría do Burgo, unha zona que até o de agora non tivo un tratamento urbanístico ambiental nin social axeitado. Trátase, explicou Villoslada, dun primeiro paso para adaptar o plan ás normas ambientais actuais, ás directrices da Lei de costas, e aos parámetros establecidos para
cumprir coa estratexia do cambio climático de 2017. O Goberno local pretende conectar de xeito peonil o litoral coruñés co dos concellos veciños mediante un modelo de paseo máis brando e verde. A suspensión de licenzas indicou que non lles afectará ao núcleo das Xubias de Abaixo nin aos equipamentos escolares e sanitarios xa existentes e recalcou que o proxecto debe integrarse na reforma da fachada portuaria interior e exterior e mais na drenaxe da ría do Burgo.
Villoslada recriminoulle á Marea Atlántica a súa falta de interese na protección do litoral “máis alá dos seus postulados ideolóxicos” e sinalou “que durante o seu mandato non puxeron en marcha ningunha medida para protexer o litoral na cidade no Portiño, nin en
Labañou, nin no plan especial da Torre, na Maestranza e, por suposto, tampouco na ría do Burgo”. Para o edil, resulta frustrante ver como a Marea, coa escusa da Agra das Percebeiras, se retira do debate do Pleno e rexeita escoitar no só o Goberno, senón tamén o resto dos grupos, e trata cunha emenda de roubar o debate. “Con dogmatismos é difícil entender a realidade e non se poden buscar solucións”, subliñou o edil, quen, parafraseando o historiador Noah Harari, acusou a Marea de que “debido a súas ideoloxías dogmáticas promete o imposible de maneira constante”.

Agradeceulle ao BNG a súa coherencia na protección do litoral no ámbito da ría do Burgo mais explicoulle que, en termos técnico-xurídicos, os parámetros de revisión que se están utilizando para pedir a suspensión cautelar na ría do Burgo non son equiparables ao ámbito do plan especial da Agra das Percebeiras, xa que este procede da aplicación directa do propio plan xeral do 2013. O concelleiro tamén tivo palabras de agradecemento ao labor da Asociación de Veciños dos Castros na defensa desta franxa do litoral.

Por outra banda, a corporación deulle luz verde á aprobación provisional dunha modificación puntual do PXOM para poder levar a cabo as obras de urbanización no coñecido como “Camiño do Cura”, no barrio dos Rosales, tras atender dúas alegacións presentadas ao plan. Trátase, explicou Villoslada, de abrir un viario entre as rúas Simón Bolívar e Afonso Rodríguez Castelao.

Canto ás mocións, a corporación acordou esixirlle ao Goberno que lles ingrese ás entidades locais as contías do IVE correspondentes ao ano 2017, que ascenden a 3,2 millóns de euros. Ademais, agás o PP, acordou esixirlle á Xunta que incremente os fondos destinados á sanidade pública e que se garanta que os recursos asignados á comunidade autónoma con cargo ao Fondo Covid-19 se destinen á sanidade pública. Pídelle, ademais, que lles poña fin ás restricións nos centros de saúde, xa que considera que a atención telefónica debe ser un complemento á atención presencial; e que se abran os centros pola tarde co fin de acabar coa listaxe de espera que se xerou durante a pandemia. A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, pídelle ao PP que faga máis autocrítica. Para Neira, na situación actual que estamos vivindo, “a colaboración entre todas as administracións é esencial”.

Doutra banda, o Pleno acordou, a través dunha emenda do grupo do Goberno, seguir mantendo reunións coas e cos comerciantes e coa veciñanza da contorna do mercado de Santo Agostiño para acordaren os cambios de mobilidade que recollerá o proxecto de reforma da zona, un proxecto flexible e fundamental para renovar non só a contorna de Santo Agostiño, senón tamén a da Cidade Vella. Do mesmo xeito, as e os responsables municipais manterán encontros coa veciñanza da rúa Emilia Pardo Bazán para abordaren solucións relativas á mobilidade e á ocupación do espazo público da rúa. O edil de
Urbanismo aclarou que o que o concello fixo nesta rúa foi darlle prioridade peonil e reducir a velocidade máxima a 10 km/hora.

O voceiro municipal, José Manuel Lage, a raíz dunha moción do BNG, lembrou que a Banda Municipal é un referente da cultura e un símbolo da cidade, “unha aposta clara nas políticas culturais do Goberno local”. Tamén asegurou que a actual localización da banda é provisional, xa que “o Ágora é unha parada temporal; volverá a ensaiar no Coliséum” e anunciou que están traballando na procura de fórmulas para que a a banda poida ter as/os mellores profesionais.

O voceiro socialista botoulle en cara á Marea que na situación tan grave que atravesa o país a súa formación utilice o Pleno para resolver as súas loitas internas. A moción sobre o pacto antitransfuguismo presentada pola Marea foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e a abstención do PP. “Polos intereses xerais da cidade, todo o diálogo e a man tendida, pero para resolver problemas internos e traspasar liñas que non deben traspasarse atoparannos sempre de fronte”, rematou.

No Pleno de hoxe, a concelleira de Comercio, Diana Cabanas, asegurou que a reforma do Mercado de Monte Alto está “totalmente acordada coa veciñanza e coas/cos comerciantes e que os datos que baralla o PP son erróneos. O número de postos que se reflicten no proxecto son 21, un número que se pode ampliar e darlles cabida a todos os concesionarios e incluso os temporais terán a posibilidade de manteren o seu posto a través dun proceso de licitación. A edila, que rexeitou, xunto ao resto da corporación, a moción do PP para paralizar a reforma do mercado, subliñou que “apostamos polos mercados municipais porque serven para dinamizar o comercio local e os barrios” e acusou o PP “de sementar incertezas entre a veciñanza poñendo por diante os seus intereses políticos en lugar de pensar nos da cidade”.